Tuesday 14 de May de 2024

O Concello comeza a segunda fase dos traballos debrehabilitación da Casa Veeduría tras recuperar abdistribución orixinal dos espazos interiores


Inés Rey supervisou hoxe as obras de remodelación do inmoble, despois de catro meses de intervención, unha primeira etapa centrada en eliminar engadidos e partes en mal estado

A reforma da Casa Veeduría, ademais de permitir a ampliación do centro cívico da Cidade Vella e a creación dun centro de día, inclúe a disposición dunha sala de estudos, un auditorio e unha sala de exposicións

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá os traballos de remodelación da Casa Veeduría, un espazo emblemático da cidade que está a ser rehabilitado polo Goberno municipal co obxectivo de recuperalo na súa totalidade para o uso da cidadanía, ampliando as instalacións do centro cívico da Cidade Vella —que ocupa unha cuarta parte do inmoble—, e creando, ademais, un centro de día.

A Casa Veeduría construíuse no século XVIII e reformouse en profundidade nos primeiros anos do século XX. A superficie total do inmoble —que ocupa o quinteiro comprendido entre as rúas Damas, Veeduría, Alfonso IX e Amargura— é de 3.878 metros cadrados. Inés Rey subliñou, a este respecto, que “a intervención que estamos a levar a cabo busca unha rehabilitación total do edificio, restaurando o noso patrimonio e contribuíndo a revitalizar os servizos no barrio da Cidade Vella”.

Neste sentido, os traballos de remodelación, que contan cun orzamento de 2.993.268 euros, comezaron o pasado 30 de setembro. Cúmprense, actualmente, algo máis de catro meses no referente ao prazo de execución da obra, fixado en 15 meses. A alcaldesa detallou que esta primeira fase “centrouse na eliminación de engadidos e partes en mal estado nos recintos interiores”, limpieza que abre paso a unha nova etapa de traballos, coa implantación das instalacións eléctricas, de ventilación e calefacción.

“Rematouse co vaciado do inmoble para a recuperación dos seus espazos orixinais. E agora, comeza o proceso de construción para darlle unha nova forma e unha nova vida ao edificio”, agregou a rexedora. Nesta segunda fase, o Concello prevé a disposición de novos chans de madeira de carballo, e de terrazo no caso das zonas comúns como os corredores e os distribuidores.

Prioridade á restauración dos elementos xa existentes na Casa Veeduría

Ademais, e co obxectivo de respectar a disposición dos circuítos de mobilidade na CasaVeeduría nos seus inicios, o Concello está a rehabilitar a escaleira institucional do inmoble,que volverá a conectar a planta baixa e o primeiro andar, tal e como foi concibida. Desta forma, será a escaleira de servizo, que conecta actualmente a planta baixa co soto, a que se ampliará para que pase a comunicar tamén o primeiro e o segundo andar da Casa Veeduría.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego,destacou que a mobilidade vertical no interior do inmoble tamén se facilitará a través doascensor, xa en funcionamento, disposto no centro cívico da Cidade Vella, recinto integrado na Casa Veeduría e que, tras as obras, “estará totalmente conectado co resto do edificio”.
“Estamos a poñer en valor os elementos xa existentes, restaurando todo o posible”, apuntou Inés Rey. Por exemplo, coa rehabilitación dun dos dous patios interiores do inmoble, “que estaba infrautilizado, e que recuperamos para gañar en iluminación e ventilación no interior do edificio”.

A reforma da Casa Veeduría, ademais de permitir a ampliación do centro cívico da Cidade Vella e a creación dun centro de día, inclúe a disposición dunha sala de estudos, un auditorio, unha sala de exposicións, unha zona de xogos e reserva, ademais, un espazo para crear un viveiro de empresas.